Debates


Historia y género


¡Amiga Guillermina¡

Non pretendía, nin moito menos parecer  contundente nin moito menos radical. Seguramente me expresei mal porque non teño nada contra os traballos cuxo obxectivo sexa esclarecer o papel da muller no pasado. Como  tampouco teño nada contra estudos monográficos que  contribúan a enriquecer  o coñecemento histórico, sen que  vaiamos a caer na desfeita  de Annales, no que se coñece como "Historia da Migallas". Eu mesmo utilicei  recentemente unha monumental "Historia das Mulleres", en varios tomos dirixida por G. Duby par incorporar o tema da muller no estudo que estaba a realizar. O que non comparto é  unha historia  das mulleres en contraposición á historia dos varóns porque un e outros -isto era o que quería dicir - son vítimas e verdugos das contradicións  das estruturas ás que, en maior ou menor grado, ambos grupos  contribuíron  a implantar. Ó meu entender, mais alá de feitos individuais,  a historia móvese  sempre en contextos socioeconómicos  nos que homes e mulleres defenden fundamentalmente intereses de clase e so  en sociedades onde estas contradicións  estean superadas. É neste aspecto no que citaba, por exemplo, a descarada utilización do corpo - como obxecto sexual -como unha mercadoría mais nun mundo no que manda o diñeiro, proceda de empresarios ou de empresarias. Ese era o sentido das miñas palabras.

A sociedade patrilineal imponse precisamente como un intento por parte das élites de  eliminar a volatilidade dos seus patrimonios. Prexudica ás mulleres, é evidente, pero tamén a tódolos fillos/as segundóns. Non é tanto unha cuestión de machismo, dunha visión patriarcal da vida, como unha cuestión económica  defendida pola clase dirixente, en definitiva, unha cuestión de clase.

Non sei se me expliquei ou se o enredei aínda mais. Do tódolos xeitos, Guillermina, aproveito a ocasión para desexarche un  bo verán.

Unha aperta.

J Fco. Correa.Profesor  do IES, "Breamo" de Pontedume, A Coruña. España