Historia Inmediata


Ataque a EE.UU

 
"Manifesto pola paz" aprobado polo  Claustro da Universidade de Santiago de Compostela o 27 de marzo de 2003:
 
Ante a inmoral e ilexítima agresión que se está a levar a cabo contra Iraq, a Universidade non pode gardar silencio. Como membros deste ámbito público de investigación, docencia e reflexión, non podemos mirar cara a outro lado ante o desastre da perda de milleiros de vidas humanas destes días. A Universidade de Santiago de Compostela quere, con este manifesto, expresar o seu total rexeitamento do que constitúe unha guerra abertamente inxusta. Inxusta, ante todo, porque non foi xamais un último recurso; porque se desbotaron alternativas viables para conseguir o desarme de Iraq, sen tan desproporcionada como desequilibrada ofensiva militar; porque vulnera a prohibición da violencia armada do artigo 2.4 da carta das Nacións Unidas.
 
Inxusta e inmoral, ademais, polo dano, morte e devastación que está a supoñer para un pobo dabondo esmagado por guerras e bloqueos previos. Non hai "danos colaterais" nesta guerra: a mortalidade da poboación e a destrucción sistemática das infraestructuras civís precisas para a supervivencia dos pobos, son consecuencia do emprego de armas de eliminación masiva e elemento fundamental dunha estratexia bélica en procura do terror.
 
Porque inter arma silent leges, defendemos, fronte ó acto ilícito internacional e ó discurso militarista que o avala, o control político e democrático da violencia, e sostemos que a paz e a seguridade mundiais requiren solucións políticas globais que vinculen o desarme coa xustiza, coa igualdade, coa defensa da tolerancia e a dignidade dos pobos. A paz ten que ser producto de políticas multilaterais de pacificación, de desenvolvemento, de reforzamento de organizacións internacionais autónomas, alén da submisión ás grandes potencias. Pola contra, a paz nunca resultará de agresións unilaterais que non fan senón reproducir a inseguridade e o medo endémicos, que fornecen o resentimento e a xenreira dos pobos, perpetuando e xeneralizando os conflictos, volvéndoos innegociables. O vergoñento "éxito" militar desta guerra constituirá un desastroso fracaso da política, un reforzo da espiral de violencia.
 
Estamos ante unha guerra ética, política e xuridicamente inxustificable, pois nin foi declarada pola autoridade competente, o Consello de Seguridade, nin ten causa xusta, pois non se trata dunha operación defensiva senón dunha agresión xerada, de modo manifesto, polo interese económico e estratéxico, mal encuberto a penas por unha cínica apelación ás liberdades e ós dereitos dos cidadáns. A guerra preventiva incumpre as normas básicas do dereito e a política internacionais consensuadas nos últimos cincuenta anos, invocando unha hostilidade prospectiva e imaxinaria, xerada e espallada a partir da realidade certa da brutal satrapía de Sadam, mediante o uso masivo da primeira arma das guerras modernas, a mentira, a desinformación e manipulación sistemáticas da opinión pública. Cómpre rexeitar de vez o discurso do choque de civilizacións, das identidades excluíntes, da dialéctica amigo/inimigo, que constitúe non só o impresentable adubío ideolóxico dunha escalada militar decidida de antemán, senón a verdadeira precondición intelectual do suposto carácter "inevitable" da agresión mesma.
 
Como universitarios galegos sentímonos europeos da "vella Europa", chamamos
a recuperar aquela comunidade internacional na que soñaba Inmanuel Kant, fronte á guerra hobbesiana de todos contra todos, non cun goberno mundial, senón cunha federación cosmopolita de pobos respectuosa cos dereitos humanos e as leis humanitarias. Por eso saudamos a resistencia dos gobernos que entenden que o "non á guerra" forma parte do superamento, hoxe en marcha, do déficit político e democrático da Unión Europea, cara a unha Europa autónoma, plural e aberta, fronte á Europa fortaleza, atlantista e militarizada que algúns queren impoñernos.
 
Por todas estas razóns erguemos a nosa voz e convocamos á participación activa nas pacíficas mobilizacións cidadáns contra a guerra e en defensa dos procedementos de paz para a resolución dos problemas internacionais.
 
Dada a participación de España nunha guerra ilegal, ilexítima e inxusta contra Iraq, rexeitamos a autorización ós Estados Unidos de América do uso das bases, o territorio, o mar territorial e o espacio aéreo español para os obxectivos relacionados coa intervención militar en Iraq. Así mesmo, solicitamos que as unidades militares españolas que actúan baixo o mando anglo-americano se poñan inmediatamente baixo o mando das Nacións Unidas para unha acción humanitaria real.
 
Contra unha nova derrota da humanidade: ¡non á guerra!
 
Universidade de Santiago de Compostela