Historia Inmediata


Denuncias Académicas

 
MANIFESTO CONTRA A UNIVERSIDADE NEOPATRIMONIAL
 
Ante o proceso electoral que se abre nestes momentos na Universidade de Santiago de Compostela, os abaixo firmantes, membros da USC, desexamos poñer de manifesto que a USC está a vivir unha triple crise: na súa propia definición e nos ámbitos social e institucional.
 
Nos últimos anos, vense insistindo machaconamente na necesidade de axustar a USC ás necesidades do mercado, confundíndoas sistemáticamente coas necesidades da sociedade. Este argumento serve para amparar o crecemento de diferentes tipos de empresas sobre as que a comunidade universitaria non ten ningún tipo de control. Asimesmo, utilízase este argumento para descalificar un determinado tipo de titulacións que se supón que non responden ás necesidades do mercado pola súa propia definición. Sen embargo, non se racionaliza a creación de titulacións, duplicando ou triplicando as supostamente rendibles sen ter en conta as verdadeiras necesidades da sociedade. Todo este proceso está a perxudicar claramente a definición da Universidade como institución creadora e difusora do coñecemento, quedando cada vez máis relegados os valores da docencia e a investigación básica, que son consustanciais á definición da Universidade pública, e que se entroncan cos valores morais e políticos da democracia. A dinámica social da Universidade e o funcionamento das relacións de poder está condicionada pola existencia dunhas chamadas "plataformas". Estas "plataformas" non son sindicatos de profesores e traballadores da administración e servicios da USC, senón imitacións de partidos políticos. Parece que se nos quere facer creer que a USC é "como si" fose unha nación, co seu Parlamento e os seus partidos políticos. Sen embargo, esto non é así, en primeiro lugar porque a Universidade é unha institución con dúas misións básicas: a docencia e a investigación, ás que debe subordinarse todo o demáis; e en segundo lugar porque na práctica destas "plataformas" non se reflicte nunca ninguha das súas supostas ideoloxías políticas. Todas elas unicamente copian do sistema de partidos o seu principal defecto: a desconexión coa sociedade e a súa conversión en mecanismos de captación de votos e de conquista do poder.

A USC está sumida nunha crise institucional que deriva do excesivo poder da equipa rectoral. Ao longo do tempo, as diferentes equipas veñen tomando as principais decisións que condicionan o futuro da USC (creación de centros, creación de institutos, implantación de titulacións, construcción de edificios) practicamente á marxe dos órganos colexiados, dándose o paradoxo de que as competencias residuais das equipas de goberno (as que non están normativamente adxudicadas) convértense nas competencias fundamentais. Esto vai acompañado dunha falta de transparencia na xestión e dun filtrado excesivo da información, que fai que por exemplo durante moito tempo a comunidade universitaria descoñecera o total da débeda da USC (a aínda non saiba a qué se debeu). É un sentimento amplamente compartido na comunidade universitaria que parece darse unha desigualdade de trato entre as persoas baseada na súa maior ou menor proximidade á equipa de goberno e ás "plataformas" que o apoian, dándose casos de aplicación de criterios contradictorios en situacións similares. Asimesmo, parece claro que se da un desigual reparto de recursos en diferentes ámbitos, que está plenamente consolidado, e que para mantelo mesmo se chega a non cumplir acordos de órganos estatutarios.

 
En consecuencia, demandamos:
 
1-que a lóxica pseudopolítica das "plataformas" sexa sustituida por unha lóxica institucional, que é a única que pode garantir o cumplimento da verdadeira función política e social da Universidade.

2-que se reduza o poder da equipa de goberno e que se deteña a proliferación de cargos innecesarios.

3-que se descentralice a administración e se dea plena competencia ás facultades e aos departamentos na organización e desenvolvemento da docencia e a investigación. Non pode existir un sistema democrático se a administración non está descentralizada. O propio proceso de descentralización levaría a un novo equilibrio.
 

4-que as decisións estratéxicas (creación de centros, creación de institutos, implantación de titulacións, construcción de edificios) se debatan primeiro nos órganos colexiados pertinentes e non se lles presenten como decisións xa tomadas e inevitables.
 
5-que se frene a proliferación burocrática, que constitúe un auténtico modelo de "organización do desgoberno". Da a impresión de que se quere hiperregulalo todo, para en realidade desregulalo. A debilitación sistemática da estructura institucional de Facultades e Departamentos é paralela á creación de grupos cada vez máis atomizados que só poden ser controlados desde a equipa de goberno, dentro do proceso xa mencionado de acumulación de poderes non regulados.
 
Se desexas firmalo [soamente para profesores e alumnos da USC] e difundilo,
 
José Carlos Bermejo Barrera
Departamento de Historia I
Facultad de Geografía e Historia
15782
Santiago de Compostela
España (Spain)


Volver