A guerra de
Iraq, os atentados do 11 de marzo ou a
globalización son algúns dos acontecementos
recentes que os historiadores de maior prestixio
analizarán en Compostela dentro do Congreso
'Historia a debate' que se celebrará entre o 14 e
o 18 de xullo e que onte foi presentado.
O encontro,
organizado pola Universidade de Santiago, terá
lugar na facultade de Ciencias da Comunicación e
constará de 200 relatorios de universidades e
centros de investigación de todo o mundo que
pronunciarán máis de 130 expertos.
O
coordinador da iniciativa, o profesor de Historia
Medieval e Moderna, Carlos Barros explicou onte
que o congreso estará presidido por "unha grande
acción histórica da sociedade civil que tivo a
España como protagonista, a manifestación contra o
masacre de Madrid do 11-M''.
Abordarase
tamén a violencia que rodea o mundo actual, como
os atentados do 11-S, a guerra de Iraq ou o
atentado de Bali, para "amosar a utilidade social
da disciplina da historia e ver que pode achegar o
historiador ós últimos acontecementos'', dixo.
Consonte
explicou a organización, calcúlase que acudan a
este encontro arredor de 500 expertos, entre
historiadores, filósofos, expertos do eido das
humanidades e estudantes chegados de 32 países dos
cinco continentes. Os países con representación no
III Congreso Internacional 'Historia a Debate'
serán, entre outros, Israel, Alxeria, Nixeria,
Xapón, Uruguai, Colombia, Venezuela, Brasil,
Argentina, México, Estados Unidos, Canadá,
Xeorxia, Holanda, Suecia, Noruega, Bélxica,
Austria, Alemaña, Italia, Francia, Portugal,
Inglaterra e España.
Os
principais relatorios e mesas redondas do Congreso
poderán seguirse en directo desde calquera parte
do mundo, debido a que se transmitirán por
videoconferencia a través da páxina web de
'Historia a Debate', que recibe habitualmente
2.000 visitas diarias. Os organizadores do
encontro teñen previsto que uns 5.000 expertos de
todo o mundo sigan o Congreso vía Internet.
Carlos
Barros explicou onte que 'Historia a Debate' é
unha rede que, a través de Internet, comunica e
reúne a historiadores de todo o mundo. Trátase
dunha rede internacional que conecta desde
Santiago unhas 350 universidades dos cinco
continentes e na que debaten diariamente arredor
de 5.000 profesores de historia de todo o mundo.
Engadiu que se trata dun foro permanente de debate
entre estudantes e profesores sobre a metodoloxía,
a historiografía e a teoría da historia; sobre a
práctica renovada da investigación e da
divulgación histórica; sobre a docencia, os
problemas académicos, profesionais e laborais dos
historiadores; e sobre a relación e o compromiso
do historiador coa sociedade, a política e a
cultura do século XXI.