Imprimir
Tema 9

Tema 9

 

Manuel Mosquera

Univ. Santiago de C.

 

Propostas para unha Historia do Medio.

A posible conciliación entre Ecohistoria e Historia Xeral na análise da documentación medieval Lucense.

Nos paradigmas da actual historiografía contemporánea calquera intento de aportar conceptos innovadores é recibido de xeito ambigüo polos profesionais da historia, resultando abertamente alentador para uns e desconsoladamente fragmentario para outros. Deste xeito a aceptación que nos últimos tempos está atopando o que se entende como Ecohistoria, ten que se enfrontar cunha serie de parámetros establecidos que dificultan calquera proposta innovadora que puidera chegar dende este campo. Tendo en conta o que vimos de comentar, a comunicación que se presenta a este congreso tenta de establecer un esquema teórico-práctico para traballar sobre un fondo documental. Prescindindo, a priori, dos resultados empíricos, plantexámonos unha aproximación ás fontes para conseguir unha visualización previa daqueles procesos históricos que nos permitan dispoñer a Ecohistoria, con plena lexitimación, nun plano de cooperación cá Historia Xeral e nun plano de co-protagonismo dentro da historiografía contemporánea. Para conseguir esta conciliación, partimos neste traballo duns presupostos que rexeitan calquera tipo de radicalización das posturas. Así, tentaremos propugnar unha Eco-Historia-Social que supere os parámetros da actual Historia Xeral en canto presunta fundamentación dunha historia da sociedade que, sen embargo, non pasa de ser unha historia absolutamente antropocéntrica. Por outra banda, a disposición dos conceptos a partir dunha documentación do período medieval –concretado na análise do fondo documental da catedral de Lugo- permite con facilidade prescindir das xustificacións habituais dunha Historia Ecolóxica que en moitos casos tan só se xustifica en canto resposta á crise medioambental da nosa época contemporánea ou como protesta contra o sistema de producción establecido hoxe en dia.

Procuraremos así a consecución dunha guía de traballo de cara a unha análise das fontes que integre o medio natural dentro da historia social, en canto medio onde se desenrola a historia, e, tamén, en canto fundamento xeográfico, económico e xurisdiccional para a configuración dunha sociedade que establece referencias, relacións e sistemas de administración e goberno. Unha sociedade que coida o medio natural coma xeito de vida ou que, segundo o caso, o emprega como instrumento de poder.