Prensa
La Voz de Galicia [29/4/10]
Gabinete de Prensa de la Consellería de Cultura e Turismo [28/4/10]
XACOBEO PRESENTA AS ACTAS DO III CONGRESO INTERNACIONAL HISTORIA A DEBATE QUE REUNIU EN COMPOSTELA A PROFESIONAIS DE TODO O MUNDO
- Son tres tomos, compostos por 12 volumes, que recollen os traballos realizados na última xuntanza deste foro para o diálogo, desenvolvida en xullo de 2004.
- De carácter internacional, Historia a Debate é unha rede estable que busca dinamizar intercambios e contactos multilaterais entre os membros e que celebra Congresos internacionais cada Ano Santo desde 1993.
- Anunciouse, ademais, a celebración do IV Congreso Internacional Historia a Debate, do 15 ao 18 de decembro en Compostela.
Santiago, 28 de abril de 2010.- Xacobeo 2010 presenta as Actas do III Congreso Internacional Historia a Debate, que recollen os traballos realizados durante a convección celebrada do 14 ao 18 de xullo de 2004 na Universidade de Santiago de Compostela, baixo o patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. É unha publicación que busca incitar, dende Galicia, á reflexión da comunidade internacional de historiadores. Historia a Debate é unha rede estable, que celebra congresos internacionais desde 1993 coincidindo coa conmemoración do Ano Santo, aos que concorren profesionais do gremio de todo o mundo, e que busca dinamizar intercambios e contactos multilaterais entre os seus membros máis alá das fronteiras da especialidade e da nacionalidade.
As Actas están integradas por tres tomos: Reconstrución (I), Historiografía inmediata (II) e Historiografía global (III). En total, son 12 os volumes que compoñen a obra e que complementarán aos nove tomos anteriores produto dos macro congresos celebrados nos anos xubilares de 1993 e 1999. Resumen, en español, portugués, inglés e francés, os balances, discusións e innovacións acaecidos na escritura da historia nos anos da transición do século XX ao XXI. En concreto, recollen os textos dos 110 relatorios e as transcricións dos debates nas 17 mesas redondas.
Esta publicación ofrece unha posta ao día para os profesionais desta materia, ademais de ser unha referencia bibliográfica imprescindible, dentro e fóra do ámbito académico latino, para coñecer cara onde vai a historia neste novo século, xa ben sexa para preparar un proxecto docente en concursos a prazas de profesores universitarios de historia, impartir docencia actualizada sobre metodoloxía, historiografía e teoría da historia, ou, simplemente, renovar individualmente enfoques e temas da investigación histórica.
Pretende, por tanto, incitar á reflexión da comunidade internacional e diríxese a todos aqueles profesionais que opinan que ser un “bo historiador” vai máis aló do uso das fontes, senón que esixe innovación, reflexión e conexión co tempo no que se vive. Historia a Debate trata de implementar esta actualización tan necesaria coa celebración de congresos, desde 1993, e, dun xeito continuo, a partir de 1999, a través dunha rede temática na Internet que conecta diariamente a máis de 8.000 historiadores e profesores de historia de ensinanza superior dos cinco continentes. De feito, esta rede está implantada en 350 universidades de 50 países.
O IV Congreso Internacional Historia a Debate, en decembro
Xacobeo anuncia, ademais, a celebración do IV Congreso Internacional Historia a Debate, que terá lugar do 15 ao 18 de decembro en Santiago de Compostela e que voltará a reunir a historiadores procedentes de todo o mundo. De feito, nas primeiras celebracións desta convección participaron uns 1.500 historiadores de máis de 35 países dos cinco continentes.
O Século de Obama, A crise de 2008 en perspectiva histórica, Boloña e ensinanza na historia ou As escolas do século XX ante os retos do século XXI, serán algúns dos temas que se debaterán e analizarán nesta nova xuntanza.
Historia a Debate constitúese, ademais, como un foro permanente para o debate sobre a metodoloxía, a historiografía, a teoría da historia, sobre a práctica renovada da investigación e da divulgación histórica, sobre a docencia desta materia tanto na universidade como nas ensinanzas medias, ou sobre os problemas académicos, profesionais e laborais destes profesionais, sobre todo dos mozos.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO.
AUDIO
FOTOS
https://h-debate.com/portfolio/santiago-de-compostela-4-28410/